04.11.17


Esta é a historia de dous amigos que querían descolgar unha estrela. Tiñan claro que alí non pintaba nada, que eles a querían poñer na súa habitación. Cada un na súa claro. Puxéronse de acordo para subir cunha escaleira moi moi longa. Longuísima. Nin vos imaxinades o longa que era, pero podedes intentalo se queredes, non serei eu quen vos impida imaxinar. Xa empezaron discutindo a ver quen subía antes, quedaron en ir turnándose como fan os ciclistas nas carreiras. Isto fixo a subida moito máis perigosa claro. Segundo ían subindo o frío ía aumentando, tamén o cansancio. A escaleira moveuse varias veces polo vento e case caen. Botáronse a culpa o un ó outro por suposto. Cando chegaron arriba, encantados pero felices, déronse conta de que a estrela non se podía mover. Estaba alí pegada e era imposible quitala do sitio. Intentárono por todos os medios, pero nada. Así que os dous amigos egoístas tiveron que aprender que a luz é cousa de todos, e por moito que suban as facturas vai seguir sendo así. Porque nada pode sustituir o que unha persoa pode aportar á vida das outras que lle rodean.

 

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *