PEREGRINAR SEN NOMES
Levo nas unllas un rumor de cantiga de amigo,
de tanto roer na terra.
Son ese caimán que fai da pedra o seu feitizo,
o nome do que os vermes fan o seu sultán.
Súmate se te atreves.
Na líbido das savias sei do moito que calas,
tes o talento de silenciar a muscalidade do tempo,
a antísese do bo sorrir,
a inútil levedade do suspiro.
Co sexo na man
cuspo diante da violencia.
E enriba,
os berros só son para o pracer.
Marca rexistrada na miña estúpida maneira
de ser o camiño que desexas percorrer.
Neste momento a liberdade chama a porta
da xente cansa,
das fadas que entenden todo o que está por facer.
Das musas que non son necesarias.
Nas mans unha estrela,
e coa estrela a luz que alumea un berce de soños.
Aquí viñemos vivir,
sen limpar toda a herba que tragamos para ser unha fábula.
A que esperas.
Xusto esa.
Coa que espertas e volves durmir unhas horas despois.
Cántame para ser eternamente íntimo.