TODAS ESAS FLORES
Tamén se pode celebrar o que non foi. Eses bicos que acumulei agora marchan de min pola respiración entrecortada. As imaxes que seguen movéndose, agora en despedida. Resistíndose a quedar. Como unha tormenta perfecta. O teu apelido diante do meu. Coller a túa man e que pareza que foi sempre así. A casa dos teus avós como o noso espazo. Vivir e rir antes xuntos en Cacheiras. Os días 21 que seguirei celebrando sen facelo porque atoparte de fixo máis eu. O feliz de pelexar por ti (por un nós) aínda que fosen uns meses. Sorprenderme de necesitar sempre volver a ti, como ese fogar feito a medida. Este tempo as cancións e os poemas falaron de ti, da suavidade da túa espalda que acariciei unha vez nun abrazo. Ese lugar no que quería vivir. O bico culpable que non puido multiplicarse e chegar a voar libre en forma de outros miles. O mar da Lanzada gardando segredos que rachan sen saber por que. Preparar a túa caixa de regalos como un neno que voa pola casa buscando unha ilusión cada vez mellor.
Quedouse no primeiro voo, como ese paxaro que vimos morrer o outro día lanzándose a voar por primeira vez. Zas. Seco. Igual chegas a ser o meu mellor pasado, ou a miña mellor posibilidade de futuro. A posibilidade que caeu coa realidade. A estadística. A frase de meu pai que dicía que esas cousas sempre saen mal.
Como no teatro, os soños soños son, e ti eras o verso que quería repetir día tras día para reinventar a maxia xuntos no gran teatro do mundo. O amor fugaz que non se chega a probar co corpo tamén pode ser amor. Sinto moito a presión e o negativo que pasou e moito orgullo por todo o bo. Nunca perder foi tan duro nin tivo nunca tanto sentido polo poder da nosa conexión. Agora penso naquela xenebra e aquel baile que nos podían levar a un agora diferente. Vou ver onde sitúo todas as imaxes que tiven neste tempo da nosa voda. A que máis se repetía últimamente era cantarte Soñar contigo con Pol no piano e Carla tocando a percusión que queira. Molaba xD.
Por esas flores que nunca che darei, que tamén son bonitas. Quero que queden no mellor lugar posible.