A Idea da Beleza. Olga Novo
Fóra.
Fóra tribo.
…Se bailaras comigo
habías de comer o saber
cru
a impalabra do meu carácter montañés
bárbaro
e voitral
habías de beber os ouriños benditos por belce
bú
come
come
tu.
A foránea levo nunha lingua anticristá unha flor unha flor unha flor
tan aberta
que pensa
…se bailaras comigo
ata partirme o espiñazo e facer dúas de min
meu ben
se me viras ben
ven
e baila comigo.
.
Vivín coa boca seca coma o deserto do Dakar
ata tocar
a punta infinitesimal dos meus mexos
marqués
marqués de nada
só señor da miña cona noite inmensa papila gustativa do mundo
vulva perfuradísima
botón de terra
antilei da gravitación universal.
.
O centro da terra non atrae as miñas verbas
eu douchas de comer na túa ansia coprófila
esta excrementación silábica esta apalabración
que me inflama os intestinos
cheos de amor
e merda.
.
A idea da beleza
cruzando o ceo cara o sur
na migración das aves
describe a curva depravada
o grao máis alto
de poesía pura
caendo como a suor polos teus poros
abertos que son
buratos negros
e unha cousa preciosa da astrofísica.
A idea de beleza migra no teu cuspe
esa substancia que rompe a barreira do son
sobre min
podemos
Foder
ata romper a paus o espírito de Deus
podemos
Foder ata sentir o cu da noite
onde ninguén viu as patas dunha garza
anunciar a luz do día
Foder
ata arrasar as cordilleiras da miseria
podemos
Foder
ata caer
sentir o crac do cromosoma do poder
podemos
Foder ata tocar a nosa soedade co teu prepucio só
Foder
nos
ata o final
ata ver a morte curvándose na derradeira postura do pracer
Foder
ata
Foder
e xa non ser
máis
cá sombra dunha dimensión fodendo a catro patas
no borde do universo
ti e eu
Fodendo de xeonllos
na noite estrelada da mente de Platón
pensando
quizais
na idea da beleza.