VENTO Nº4
Se tivese que pensar un final sería nunha praia, contigo,
nunha praia que toque o océano,
que teña area oscura e na que non haxa ninguén,
só nós para percorrer un baleiro natural.
Encher con todos os nosos poros os ocos que hai entre area e area,
entre baño e baño, entre caricia e caricia.
Se tivese que pensar un final sería nunha cidade inmensa, chea de cores e teatros,
respirando o movemento da vida no seu esplendor. Ir a restaurantes de luxo,
saltar nas camas dos hoteis ó mediodía, ir a varias sesións de cine seguidas.
Contigo.
Se tivese que pensar un final sería nunha selva tropical,
chea de perigos e serpes venenosas,
de panteras coas que pelexar e gañar batallas,
de tribus coas que intentar entendernos. De casas nas árbores.
Contigo.
De comidas exóticas entre a maleza
e paixóns indescriptibles tocando o ceo.
Se tivese que pensar un final só sería contigo.