09.12.16


Onte fun ó teatro. Fun ver Eroski Paraíso, de Chévere. É un espectáculo que se me escapara, destes que son esvaradizos, que se non os colles de primeira despois parece que non das ido. Pero iso é defecto meu. Non quero falar diso. Chévere é capaz hoxe de facer de algo aparentemente pequeno algo espectacular, e iso é característica de maestría, na miña opinión vaia. Atopar a beleza e o entusiasmo nos detalles. A obra é un documental que vamos vendo a súa fabricación en directo, como a merluza que corta o personaxe de Patricia de Lorenzo en directo, que ó final se sortea entre os espectadores. Honesto, fresco e entregado con xenerosidade, poderían ser “etiquetas” que se me pasan pola cabeza con este espectáculo. Teño a sensación de que son as potencialidades da compañía resumidas e exprimidas nun zumo que bebes pola mañan, e agradeces enormemente. O Paraíso discoteca que pasa a ser Eroski, un signo dos tempos, de que a sociedade muda cara un porvir, que como dixo hoxe Camilo Franco nas xornadas de dramaturxia galega: “vai vir queirades ou non queirades”. Non sei se importa moito quen o decide, senon canta xente está de acordo ou na contra e que facemos con iso, cos nosos pequenos detalles da vida. Vai que me lío, encantoume o espectáculo.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *