OS OFICIOS DE BRAN
Bran deitándose sobre o río
a cabeza nunha ribeira, os pés noutra,
dixo: Quen é o Deus que seña a ponte!
E así o pobo e o gando poideran pasar
dun país a outro.
Deixaban o país sobre o seu corpo
o peso da xente, dos guerreiros e dos bois.
Algo máis lle pesaron
as mulleres preñadas, e os cegos.
que por moito que volvesen a cabeza
nunca verían a brétema nos outeiros natíos.
O derradeiro en pasar foi o cantor
acordando nunha cantiga nova no maxín,
e nos beizos, coa voz, procurando
un matiz que tiñan as rulas de Poente.
Non podían tirar da alma un refrán:
Deixo o meu corazón nunha ponla de salgueiro
á noite, á chuvia, ao xelo!
Bran sentiu nos reus ris o peso
da saudade do cantor
e pra que en Nacente poidese
faguerlle o corazón seu un novo niño
mandou que pola chaira o seguisen
os salgueiros da ribeira, agás un
que Bran deixou pra el,
por se un día deixaba de ser deus
e pasaba a ser cantaro de paisaxes perdidas.
Ao erguerse, Bran veu unha calandra
abaneando unha ponliña, e dixo:
Animula, vugula, brandula!
Eso que era un deus, Bran da erguida a cabeza,
e non lle gostaban os paxaron,
nin as bolboretas dos recordos.
Álvaro Cunqueiro.