20.11.17


Na mitoloxía popular galega teñen unha gran presenza as cidades asolagadas. Unha das máis nomeadas é Antioquía ou Lucerna no espazo xeográfico da Limia. ¶ Cando baixan moito as augas nos encoros, semella que emerxen á vez realidade e o mito. ¶ Si, en cada val había con certeza unha Antioquía. O que as augas anegaron non era o baleiro ou o deserto. Non é de estrañar que quen o perdeu, ou a súa descendencia, vexa con dor a perda. Para esa ollada, a utopía xeográfica non tiña o xeito dun encoro senón o do val asolagado. ¶ Arjun Appadurai, antropólogo de orixe india e unha das mentes máis lúcidas do noso tempo, autor d’A modernidade desbordada, define ben unha das doenzas que nos asolagan: a fatiga democrática. Un afogo ou desalento que anega a vida real e a vida soñada das xentes.  ¶ O futuro xa non se ve como un lugar desexábel. Ten a forma sinistra dunha distopía, o pesadelo dun «encoro infindo» que produce megavatios de medo, paraliza as andainas solidarias e cobre e imposibilita toda procura utópica. ¶ A fatiga democrática atínxenos directamente. Trump & May & Putin e Cía. non son corsarios entolecidos. Os «vellos» imperios redefinen a globalización para encofrala ao xeito «clásico»: neocolonialismo, militarismo, autoritarismo. ¶ Iso significa, entre outras cousas, desfacerse do soño europeo, de Europa como posibilidade dunha «utopía xeográfica»: espazo de dereitos humanos e de benestar.  A fatiga democrática, a desdemocratización, é o veleno que se nos inxecta e que temos que cuspir fóra para impedilo.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *