LENDA DE MULLER, de THAMIZHACHI THANGAPANDIAN
É o mesmo lugar primitivo.
A mesma vella árbore
baixo a cal naceu como “Eva”…
A árbore baixo a cal lle ensinaron:
“a timidez é beleza”, “o desexo é pecado”.
Predicáronllo
esa folla e aquela froita.
A mesma serpe fica nesa árbore co seu veleno.
Despois de arrincar as ás anxelicais
Eva ocúpase agora de
afiar as longas unllas dos demos.
Era unha vella historia:
ela cos seus mitos
a voltas por dentro do valado
construíndo con historias rústicas de tempos pretéritos.
Onte a historia era outra.
Ela sangraba en
búnquers e cárceres do exército,
o seu peito enchoupado de sangue.
Mais hoxe,
tras curar as feridas,
esas pulseiras rotas,
e violacións brutais…
emerxeu coma unha nova Eva,
que volve estar de novo no bosque.
É a mesma árbore primitiva.
Mais aquí,
solitaria coma unha Eva renacida,
senta abaixo a árbore vanni.
A árbore que lle dá forza para sobrevivir.
Agora, proclama,
non queremos folla nin froita
que vestir ou saborear.
Ao contrario,
somos felices coa nueza da liberdade!
(A árbore “vanni” (Prosopis cineraria) crece na xungla de Mullaitheevu, ao norte de Sri Lanka, onde o exército de Sri Lanka masacrou a poboación para destruír un enclave fundamental dos Tigres Támiles en xaneiro de 2009)