NON HAI ÚLTIMOS POEMAS
É certo,
non existen.
Os últimos poemas non existen. Sempre son unha ponte ó seguinte.
Aínda que o seguinte sexa ningún.
Hai que deixarlle paso ó baleiro,
ó espazo que só é iso,
a que volten as ganas.
Dicía Compai Segundo que a clave estaba en quedarse con ganas de máis.
Porque voltar é ser.
Ser e voltar.
Repetirse coa insistencia do resistir,
o placenteiro,
non confundamos as cousas.
Os últimos poemas non existen. Porque sempre hai máis,
aínda que non sexan teus,
non importa que sexan meus,
con que sexan chega.
Tres versos con x recordan ó sexo. Os poemas reprodúcense,
por iso non hai últimos poemas.
Son pombas que volven ó teu xardín aínda que sexa para cagarse nel.
Respeta que se poidan cagar nel.
Por iso os últimos poemas non existen.